Consello da Cultura Galega

Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205 correo@consellodacultura.org Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela

Observatorio Consello da Cultura

Logo

Coxunturas

Barómetro da cultura galega I (09/11/2020)

A crise sanitaria provocada pola COVID-19 está a ter un impacto moi importante no ámbito cultural. No últimos meses, o Consello da Cultura Galega publicou varios documentos de traballo no que se demostra a especial vulnerabilidade do sector. Este primeiro Barómetro da cultura galega ofrece unha radiografía pormenorizada do que sucede nas empresas culturais galegas dende que empezou a crise do coronavirus.

O valor do portugués en Galicia: competencia plurilingüe, utilidade e actitudes (25/06/2020)

O presente traballo dá conta dos resultados dun estudo realizado en Galicia nos meses de xullo e agosto de 2019 sobre as competencias lingüísticas da poboación galega en idiomas estranxeiros en xeral e o portugués en particular, así como as actitudes cara a esta lingua e o interese que pode existir en aprender un novo idioma. O estudo tamén ofrece unha análise comparada do coñecemento do portugués e o doutras linguas estranxeiras entre a poboación de Galicia, así como da importancia e utilidade que se lles atribúe a unhas e a outras, as motivacións para interesarse por elas, as canles que se empregaron para coñecelas, o nivel que se adquiriu no seu dominio ou os ámbitos en que se empregan.

Coxuntura estatística do ámbito cultural. Xuño 2020 (25/06/2020)

O presente documento ofrece información sobre todos os indicadores estatísticos dispoñibles sobre o ámbito cultural ata o momento da súa publicación. En primeiro lugar, analízase a situación económica do sector dende comezos do ano 2020 ata a actualidade no que respecta á creación de empresas, os efectos desta crise sanitaria no emprego cultural, as consecuencias desta situación de crise no consumo e comercio de produtos culturais e, por último, examínase a situación do sector da cultura nas contas económicas de Galicia e faise unha prospección baseada nas realizadas para o conxunto da economía galega. Moitos indicadores que se analizan ao longo deste documento de traballo son do primeiro trimestre, polo que o impacto está limitado á segunda quincena de marzo. Cando foi posible, incluíronse datos de abril e maio.

O sector da música popular en Galicia perante a crise da COVID-19 (25/06/2020)

O avance da crise provocada pola aparición do virus SARS-CoV-2 e a enfermidade da COVID-19, o mantemento do estado de alarma en toda España e o confinamento da sociedade preocúpalles aos responsables do sector da música popular de Galicia. O feito de tratarse dunha actividade cunha compoñente elevada de socialización e que, ademais, concentre gran parte da actividade arredor da primavera e o verán, supón que sexa un sector especialmente vulnerable a esta crise. Neste traballo recóllense as análises dos responsables das principais asociacións profesionais e gremiais que compoñen o sector da música popular de Galicia, así como unha descrición da situación antes da chegada da crise provocada polo coronavirus e un resumo das principais reivindicacións do sector e da resposta da Administración.

As bibliotecas en Galicia (25/06/2020)

Este documento ofrece información relativa ás bibliotecas galegas, co obxectivo de facilitar datos actualizados dos seus equipamentos materiais e humanos, infraestruturas, actividades e recursos que permitan avaliar a súa evolución, financiamento e datos comparativos con outras comunidades autónomas e co conxunto de España. O campo de estudo do informe abrangue todas as bibliotecas galegas, calquera que sexa a súa dependencia administrativa, con dúas excepcións: as bibliotecas privadas sen acceso público e as escolares. Os datos analizados corresponden ao ano 2018. Ademáis, abórdanse outras cuestións como os hábitos culturais da poboación con respecto ao uso dos servizos bibliotecarios e a situación da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.


Paxinado

79 coxuntura(s) / 16 pax(s). Mostrando 11 a 15
Páxina: « < 1 - 2 - 3 - 4 - 5 > »